Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Sete novos concellos...


Sete novos concellos sumánse ao proxecto Apego que xa se desenvolve en trinta municipios

[17-03-2017] Esta mañá, na Casa do Concello de Nigrán, sete novos concellos formalizaron a súa participación no proxecto Apego. Alcaldesas, alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico de diversas entidades locais participaron no acto de sinatura da addenda ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego que se puxo en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos e que vai medrando ano a ano, e que chega neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios. En representación do Concello de Ames asistiu a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

As novas entidades que se incorporaron hoxe a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa, e súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo. O Concello de Ames incorporouse a esta iniciativa en 2016.

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse 7 aos 23 concellos que o están a desenvolver. Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

O acto institucional desta mañá estivo presidido polo alcalde de Nigrán. O persoal técnico dos servizos de normalización lingüística explicou que é Apego. En representación do Concello de Ames interviu a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. Tamén interviron representantes políticos/as dos diversos concellos que participan neste proxecto. O acto estivo amenizado cunha breve actuación do músico Magín Blanco.

Avaliación positiva do programa
Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc.

Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925