Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno local e...


O goberno local e Ames Novo asinan un acordo político para a aprobación do orzamento municipal

[17-03-2017] A mediodía de hoxe, unha vez rematado o prazo para a presentación das alegacións dos grupos municipais, o goberno municipal, representado polo alcalde, e o grupo municipal de Ames Novo, a través da súa voceira Pilar Candocia, subscribiron o documento de acordo político que recolle os pactos acadados na negociación levada a cabo por ambas partes para a elaboración e aprobación do orzamento do Concello para 2017. Coa sinatura deste documento conclúese o proceso iniciado o 16 de xaneiro no que participaron por parte do goberno os voceiros dos grupos que o integran: Blas García (PSdG), Genma Otero (Contigo Pódese) e David Santomil (BNG), mentres que por parte de Ames Novo interviron a voceira Pilar Candocia e o concelleiro Quique Costas.

No documento se recollen as partidas que, froito da negociación, ambas partes conviron en incluír nas contas que se levarán a aprobación plenaria a principios do próximo mes. En concreto, a creación dunha renda municipal de garantía para as persoas en situacións de exclusión ou risco social e un sistema de axudas para eses colectivos; a contratación dunha asistencia técnica para a elaboración dun sistema de orzamentos participativos a aplicar ao longo deste mandato; a asignación dunha cantidade destinada á elaboración dos estudos económicos imprescindibles para poñer en marcha o rescate da xestión municipal do Ciclo Integral da Auga; e a inclusión en diferentes partidas doutras necesidades trasladadas ao goberno e ao grupo de Ames Novo polo tecido asociativo e os movementos sociais, sistema de subvencións á actividade das asociacións, e accesibilidade, así como as partidas comprometidas no acordo asinado entre o goberno e a Federación de AA.VV. asinado o 24 de febreiro de 2017.

Ademais, as dúas partes conveñen dentro deste acordo o compromiso de consensuar as Bases de Execución Orzamentaria, e a creación dunha comisión mixta para o seguimento da execución das contas municipais. Comprométense, tamén, a poñer en marcha unha comisión técnica integrada por ambas partes, coa participación de técnicos de Servizos Sociais, para a elaboración da ordenanza de Renda Municipal de Garantía Básica e Rescate Social, que debe entrar en vigor non máis tarde do mes de setembro próximo. O acordo inclúe, por último, o compromiso de iniciar canto antes os traballos de elaboración do orzamento para 2018, no que as partidas destinadas á Renda Municipal e cumprimento dos acordos co rural deben estar garantidas coa reserva de creto suficiente a ese fin, e que deberá ter elaborado o proxecto de orzamento a tempo para posibilitar que este se aprobe non máis tarde de febreiro de 2018.

Por parte de Ames Novo adquírese o compromiso de garantir co seu voto a aprobación do orzamento no Pleno. “Trátase dun exercicio de responsabilidade política”, afirma a voceira de Ames Novo, Pilar Candocia. “A situación que se derivaría de manter a prórroga dos orzamentos de 2012 como viu sucedendo ata agora sería inasumible e significaría prolongar a inactividade e carencia de investimentos imprescindibles que xa estivemos padecendo durante demasiado tempo”. “Pola contra, o orzamento que se somete a aprobación contén desde o noso punto de vista elementos significativos de avance social e para o rescate dos servizos públicos, así como partidas que contribuirán a corrixir algunhas das inxustizas que no equilibro territorial presenta o noso concello. Cremos que, sen ser os orzamentos que nós presentaríamos de estar no goberno, o resultado da negociación é globalmente positivo”, engadiu.

Por parte do goberno, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero sinala que “estamos contentos de poder cumprir un dos nosos principais compromisos como goberno que era a aprobación duns orzamentos nos que se priman e se blindan os servizos sociais e se aposta polo rescate dos servizos públicos e a participación cidadá entre outras moitas actuacións e investimentos. É urxente e prioritaria esta aprobación para dar resposta ás demandas e necesidades das nosas veciñas/os de Ames”.

José Miñones destaca que “coa aprobación destes orzamentos damos un paso cara adiante moi importante porque podemos traballar cunhas contas propias e poñer en marcha programas e proxectos progresistas”, asemade Alcalde agradece “a capacidade de diálogo das partes e o traballo realizado no proceso de negociación, en especial o da Concelleira de Economía e Facenda na elaboración dos orzamentos, así como da interventora municipal e o departamento”.

O novo orzamento será levado a debate e votación no Pleno que se convocará ao efecto nas vindeiras semanas e no o que, en virtude deste acordo, está garantida a súa aprobación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925