Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Resólvese o...


Resólvese o contrato asinado co Banco Santander de servizo de tesourería e recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración, traslado, tratamento e eliminación de residuos

[17-03-2017] Ante a renuncia presentada polo Banco Santander para a execución do contrato do servizo Tesourería e Recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración e recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, a Xunta de Goberno Local, este xoves, 16 de marzo, acordou a resolución do contrato privado asinado con dita entidade o pasado 19 de xaneiro de 2017. Este servizo está vinculado ao novo sistema de recadación de taxas previsto no Ciclo Integral da Auga, na que o Concello de Ames emitirá os recibos a través da concesionaria e os ingresos se realizarán nunha conta de titularidade municipal.

Na Xunta de Goberno Local de 24 de novembro de 2016 iniciouse o expediente de contratación do “servizo de tesourería e recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento de auga potable, saneamento, depuración de augas residuais e recollida, traslado, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos do Concello de Ames”, por procedemento negociado sen publicidade. O expediente respondía a unha segunda licitación do servizo ao quedar deserto o expediente de contratación iniciado na Xunta de Goberno Local do 29 de setembro de 2016.

Con data de 17 de decembro de 2016 procedeuse á adxudicación do contrato á entidade financeira Banco Santander e formalizouse o contrato o 19 de xaneiro de 2017 co obxectivo de que o mesmo estivese vixente no momento de que se iniciase o contrato do “Ciclo integral da Auga”, adxudicado o 29 de decembro de 2016. Con data de 22 de febreiro de 2017 a entidade financeira Banco Santander presentou por rexistro de entrada (número 000/1733) un escrito desistindo da execución do contrato, alegando a imposibilidade de prestar o servizo tal e como está descrito nos pregos que rexen a contratación e que forman parte deste contrato.

A imposibilidade de prestación do servizo, por parte da adxudicataria nos termos previstos nos pregos, supón un incumprimento substancial do contrato e polo tanto da lugar a unha clara causa de resolución do mesmo. Desde o Concello e ante as dificultades que foron xurdindo e a urxencia da adxudicación deste servizo, tendo en conta que se trata dun contrato privado, estase a negociar con outra entidade bancaria a prestación deste servizo.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “nos atopamos con esta sorpresa inesperada da renuncia por parte do Banco Santander antes do inicio da prestación do servizo. Ao tratarse dun contrato privado non era preciso facer un procedemento negociado, máis fixémolo voluntariamente, en aras dunha maior transparencia e participación, invitando a todas as entidades bancarias domiciliadas en Ames. O primeiro procedemento quedou deserto e no segundo houbo unha renuncia despois de asinar o contrato. Agora a urxencia lévanos a negociar directamente cunha entidade que garanta a prestación deste servizo e niso estamos”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925