Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal licita por lotes o servizo integral de limpeza das instalacións municipais, escolas infantís e centros de educación infantil e primaria

[18-03-2017] O goberno municipal de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o expediente de licitación do servizo integral de limpeza das instalacións municipais, escolas infantís e centros de educación infantil e primaria por unha cantidade total de 789.895,26 euros, cunha duración de dous anos, prorrogable un máis un, ata un máximo de catro anos.

Na pasada Xunta de Goberno Local do 9 de marzo, o goberno municipal aprobou a licitación por procedemento aberto, oferta economicamente máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación do servizo integral de limpeza, establecendo tres lotes. No primeiro lote figuran os centros de educación infantil e primaria e as escolas unitarias cun orzamento base de licitación de 435.719,79 euros. O segundo lote inclúe as escolas infantís cun orzamento base de licitación de 139.827,60 euros e no lote 3 están as dependencias municipais e de uso municipal cun orzamento base de licitación de 214.347,87 euros.

Dita licitación está suxeita á regulación harmonizada e publicouse no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) do 14 de marzo de 2017. O prazo para presentar solicitudes remata o 2 de maio de 2017 e poderán consultarse no Perfil do Contratante do Concello de Ames os pregos de cláusulas administrativas e técnicas que rexen a licitación, así como o resto da documentación do expediente.

No prego de técnicas detállanse os tipos de limpezas de mantemento, a fondo, xerais e extraordinarias, establecendo o sistema de limpeza que se deberá empregar para garantir un bo funcionamento do servizo e unhas normas de limpeza con horarios compatibles cos funcionamentos dos centros, así como a utilización de produtos de limpeza e desinfección adecuados que deberán estar debidamente homologados e autorizados para ditas función. Tamén se establecen un cadro de frecuencias dos servizos para a organización do traballo entre outros moitos dos aspectos que se regulan no prego.

No prego de cláusulas administrativas particulares dentro dos criterios avaliables economicamente ademais do prezo ofertado por hora/servizo, establécese unha puntuación por bolsa de horas anuais gratuítas ofertadas por cada lote para atender a necesidades extraordinarias e imprevisibles.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable da área de contratación, manifesta que “estamos ante un servizo moi sensible e importante para o noso Concello e con estes pregos tan detallados e exhaustivos o obxectivo principal é garantir unha boa prestación deste servizo. Estamos contentos de poder licitar este servizo de xeito integral unificando a licitación destes servizos e ofertando dito servizo por lotes, favorecendo así que as empresas poidan presentarse indistintamente ao lote/s no que estean interesados segundo as condicións recollidas nos pregos”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925