Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Un grupo de 15...


Un grupo de 15 rapaces e rapazas de Ames participan na campaña de Esquí 2017 que organiza a Deputación da Coruña na estación invernal de Leitariegos

[18-03-2017] O Concello de Ames participa na campaña de Esquí 2017, que organiza a Deputación da Coruña na estación invernal de Leitariegos. Un grupo de 15 rapaces e rapazas partirán este domingo, 19 de marzo, cara León. Os mozos e mozas amesáns terán que estar ás 15:45 horas no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela para subir ao autobús que os levará a Leitariegos. A rapazada de Ames viaxará xunto aos grupos dos concellos de Boqueixón, Rois, Santiago e Teo. Os participantes gozarán de cinco días nesta estación invernal na que participarán en diversas actividades relacionadas co esquí.

A Deputación Provincial da Coruña puxo en marcha este ano unha nova campaña de Esquí, que se está desenvolvendo na estación invernal de Leitariegos, situada en León. A próxima semana tócalle a quenda aos rapaces e rapazas de Ames que viaxan xunto cos grupos dos concellos de Boqueixón, Rois, Santiago e Teo. O obxectivo deste programa é fomentar que os nenos e as nenas da provincia poidan familiarizarse cos deportes de inverno e coa neve.

O grupo de 15 mozos e mozas de Ames estarán en Leitariegos dende o domingo 19 á noite ata o venres 24 ao mediodía, momento no que regresarán as súas casas. Os rapaces e rapazas amesáns parten en autobús cara León este domingo ás 16:00 horas, polo que deberán estar ás 15:45 horas diante do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Os participantes gozarán de cinco días nesta estación invernal na que participarán en diversas actividades relacionadas co esquí.

Dende o luns ata o xoves terán a mesma programación diaria de actividades. A partir das 10:00h terán clases de esquí. Ás 13:00h farán unha pausa para xantar e, de 15:00 a 17:00 horas, volverán a participar en actividades de esquí controladas polos monitores/as. Entre as 18:00 e as 19:00 horas terán tempo para ducharse e chamar ao seus pais e nais. Ás 19:00 horas participarán en actividades con monitores. Ás 20:30h cearán e a partir das 21:30h participarán en actividades de noite, veladas e concursos. O venres 24 farán o mesmo pola mañá, pero despois de xantar, ás 14:30h, haberá unha festa de entrega de diplomas que porá o punto e final a súa estadía na estación invernal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925