Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O presidente da Xunta...


O presidente da Xunta e o alcalde de Ames participan no acto de presentación do grupo lácteo CLUN que integra á cooperativa Feiraco

[14-02-2017] Esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Ames, José Miñones, estiveron no acto de presentación do grupo lácteo CLUN, celebrado na planta da Cooperativa de Feiraco. Esta entidade naceu da unión das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. As autoridades da Xunta de Galicia e mailo rexedor municipal participación nunha xuntanza coa directiva de dito grupo lácteo e participaron nunha visita pola planta de Feiraco.

No pasado mes de decembro as cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto constituíron a entidade Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), que se marca como obxectivos: a integración dos servizos técnico financeiros; alcanzar unha maior eficiencia nos custos de produción; e optimizar as subministracións e agregar volume de produción para mellorar a cadea de valor e contribuír ao seu estruturación. Esta cooperativa de segundo grao, xurdida de dita fusión, dispón duns 3.600 socios e xestiona o 15% do mercado lácteo galego.

Os anfitrións de dito acto foron o presidente de Os Irmandiños, con sede no concello de Ribadeo, José Ángel Blanco, que é o presidente de Clun, o presidente de Feiraco, José Montes, que exerce como vicepresidente, e mailo presidente de Melisanto, Pablo Costoya, que é o secretario da nova entidade. Estas cooperativas, que formalizaron o acordo de integración, dedícanse á fabricación de pensos e ofrecen servizos como tenda agrícola, recollida, envasado e distribución de leite e doutros derivados lácteos.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “o Concello de Ames estará ao lado desta nova entidade como non pode ser doutro xeito. Sentímonos orgullosos que a actividade de Clun se desenvolva en terras amesás. A presentación desta entidade é un paso máis na historia de Feiraco, que comezou a funcionar con preto de 400 socios. Con este proceso de integración este proxecto medra. Xunto con Os irmandiños e Melisanto, esta cooperativa camiñará cara o futuro, onde entre todos buscarán fórmulas que permitan ser máis competitivos, cunha maior eficiencia nos custos e produción, optimización do subministro, e agregar volume para mellorar a cadea de valor mellorando así a calidade de vida dos socios e das familias, que foi e segue sendo o principal activo da cooperativa Feiraco”. Crecemento do sector lácteo galego
Durante esta visita ás instalacións da nova cooperativa láctea Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que co apoio do goberno galego o sector está a traballar cara a un futuro mellor a través da mellora da produtividade, da aposta pola innovación e da defensa da calidade, os tres piares, insistiu, nos que asentar o crecemento do sector lácteo galego a medio e longo prazo. Feijóo reiterou “o compromiso do executivo autonómico de facer desta lexislatura a lexislatura do rural: do crecemento da produtividade, da innovación e da posta en valor da calidade”.

Ao respecto, destacou “a aposta de cooperativas como Clun pola produtividade do sector. Non en van, neste mes e medio Cooperativas Lácteas Unidas logrou reducir os gastos fixos aos que tiñan que facer fronte Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. A unión das tres fábricas de pensos, os tres surtidores de gasóleo e as cinco tendas agrarias permite obter mellores prezos nas subministracións. A unión dos máis de 3.500 produtores permite que Clun teña unha interlocución máis potente na industria e na transformación e a unión dos servizos técnicos e económicos permiten traballar de xeito máis eficiente para mellorar as explotacións e os custos de produción”.

No eido da innovación, o responsable autonómico afirmou que “o nacemento desta cooperativa permitiu tamén apostar con máis forza por este eixo para mellorar os procesos do día a día da vida gandeira”. E neste sentido referiuse a modo de exemplo ao proxecto Cattlecare, que “está a desenvolver diversas ferramentas para mellorar a xestión das explotacións gandeiras como a monitorización do gando para entender mellor o seu comportamento e poder establecer patróns e mellora da xestión de recursos como os pensos, a través da comprobación a tempo real do estado dos silos”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925