Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A asociación...


A asociación Ames Pospetróleo organiza as xornadas “Preparando Ames para un futuro sen pretróleo”

[01-06-2016] A Asociación Ames Pospetróleo organiza, coa colaboración do Concello de Ames, unha xornada na que se abordarán os problemas derivados da fin da Era da Enerxía Fósil, así como os seus posibles efectos sobre a sociedade. A xornada terá lugar este sábado, 4 de xuño, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e repetirase o venres, 17 de xuño, ás 20:30 horas, no centro sociocultural do Milladoiro. A asistencia é libre e gratuíta.

Baixo o lema “Preparando Ames para un futuro sen pretróleo”, a Asociación Ames Pospetróleo organizou unhas charlas sobre os problemas derivados do fin da Era da Enerxía Fósil. Durante esta xornada proxectarase o documental animado "Non hai mañá", de Dermot O'Connor, nunha versión dobrada ao galego. O documental afonda na imposibilidade dun crecemento infinito nun planeta de recursos finitos, e as consecuencias que a busca deste crecemento está a ter no noso planeta. Ao remate da proxección invítase ao público a participar nun coloquio.

Ademais, este evento servirá para facer a presentación tanto da Asociación Ames Pospetróleo como da Asociación Véspera de Nada. Tamén se fará a presentación da obra Guía para o descenso enerxético, un libro que se pode descargar gratuitamente da rede en formato PDF. Esta presentación correrá a cargo do profesor de economía aplicada na USC, ex-director do INEGA e vicepresidente da Asociación Véspera de Nada, Xoán R. Doldán.

Por outra banda, farase entrega a algún representante do goberno municipal dun informe recentemente publicado polo grupo interpartidista do Parlamento Británico acerca dos límites ao crecemento, que foi traducido ao galego pola asociación Véspera de Nada e publicado en Internet. Este documento analiza e actualiza o debate acerca dos límites que impiden que as economías continúen a crecer (entre eles o fin da enerxía abundante e barata do petróleo, tema sobre o que traballa especificamente Ames Pospetróleo) e as implicacións que isto ten a nivel económico, social ou cultural.

Debate co público asistente
Ao finalizar estas presentacións abrirase un debate co público asistente e os membros da corporación que asistan acerca de como preparar o noso municipio ante esta fin do crecemento e da Era da Enerxía Fósil.

A Asociación Ames Pospetróleo nace no ano 2015. Este colectivo traballa na difusión de modos de vida alternativos que contemplen un menor emprego de enerxías fósiles, cuxo emprego excesivo chegará a un punto crítico, o denominado peak oil ou teito do petróleo, a partir do cal o ser humano deberá afrontar o seu futuro sen o uso desta fonte de enerxía.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925