Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames e...


O Concello de Ames e Xunta de Galicia colaboran na limpeza e posta en valor da área rupestre de Ventosa

[28-05-2016] O Concello de Ames e a Xunta de Galicia iniciarán a partir do 1 de xullo deste ano as labores de limpeza e posta en valor da área rupestre de Ventosa. Nesta zona atópanse tres conxuntos de petróglifos: o de Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo. A Xunta realiza unha achega de 5.000 euros para tal efecto. O Concello xa chegou a un acordo coas persoas propietarias das fincas, que accederon a que se levasen a cabo os traballos de acondicionamento de accesos, sinalización e limpeza do monte cos correspondentes permisos.

Estas medidas son, en palabras de David Santomil, unha mostra do “compromiso de recuperar e actuar na defensa e posta en valor do patrimonio municipal. Este é un primeiro paso, moi importante, pero aínda moito que facer e descubrir”.

Esta semana técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, unha técnico do Departamento de Medio Ambiente de Ames e tres membros do Colectivo A Rula achegáronse a inspeccionar a área. Foi o colectivo o que localizou os petróglifos de Monte Castelo, que xa se crían perdidos por mor dos traballos de cantaría que se levaran a cabo na zona no pasado. O descubridor desta estación de petróglifos foi, no seu momento, Óscar Lojo Batalla, ex-alcalde de Ames durante a II República.

Ademais de limpar a zona e valorar o estado da área rupestre, o Concello e Xunta de Galicia buscan a posta en valor desta zona, de cara a facilitar a súa visita. Para isto acondicionarase un camiño para facilitar o acceso, e estúdase a colocación de paneis informativos.

O proxecto tamén contempla unir este petróglifo con outros dous situados na contorna, Peneda Negra e Campo Redondo, cun roteiro arqueolóxico que permitiría aos paseantes visitar os tres petróglifos. Preto desta área atópase ademais o castro de Ventosa e o Monte San Marcos. A área rupestre de Ventosa, no seu conxunto, atópase nunha localización privilexiada a nivel paisaxístico, nun punto do monte dende o cal se pode observar o val da Maía. O concelleiro de Educación e Cultura explicou que ademais “vanse actualizar as fichas de patrimonio do PXOM e intentar incorporar esta área arqueolóxica a un proxecto de ámbito supramunicipal, xunto cos Concello de Santiago de Compostela e de Teo”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925