Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O IES de Ames pon en...


O IES de Ames pon en marcha este xoves a sétima edición do seu ciclo de conferencias de formación complementaria

[15-01-2013] O IES de Ames porá en marcha este xoves o seu sétimo ciclo de conferencias didácticas, que este ano se centrarán na temática do corpo. Baixo o título A voltas co corpo os profesores e profesoras desde centro de ensino impartirán doce charlas abordando esta temática dende diferentes puntos de vista. A primeira charla, que leva por título Medindo co corpo, será impartida este xoves por Pilar Tobar, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Estas conferencias, ás que está convidada toda a comunidade educativa e a veciñanza de Ames, terán lugar os xoves ás seis e media da tarde.

Audio sobre a sétima edición do ciclo de conferencias de formación complementaria do IES de Ames (preme aquí) 'O corpo: ferramenta e soporte da arte', 'Plasticidade corporal', 'Curando o corpo', 'O corpo. Divagacións dun escéptico' son algúns dos títulos das charlas que os profesores e profesoras do IES de Ames ofrecerán ao longo deste curso dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria que organiza o departamento de Filosofía e que este ano leva como título xenérico 'A voltas co corpo'. O ciclo comeza este xoves, 17 de xaneiro, ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns cunha conferencia á que asistirán varios membros do Goberno municipal.

É o sétimo ano que o IES de Ames organiza un ciclo temático no que implica á maior parte dos profesores e profesoras e de cuxas reflexións se beneficia toda a comunidade educativa. Non é a primeira vez pois que as familias dos alumnos e das alumnas, o propio alumnado e profesorado e a veciñanza de Ames asiste a un ciclo de exposicións complementarias como este. Nas edicións anteriores os temas sobre os que se traballou desde os distintos departamentos do Instituto foron os gregos, a ciencia, a auga, o amor e as viaxes. Este ano, profesores e profesoras de distintas disciplinas traballarán sobre o corpo humano.

A actividade está pensada para os alumnos de Bacharelato ou de cuarto da ESO. En todo caso, o obxectivo que se persegue é romper o esquema expositivo das aulas, para que non se trate dunha lección máis. As sesións, cunha duración en torno aos sesenta minutos, constan dunha primeira parte expositiva, duns corenta, e un coloquio que se prolonga arredor dos vinte minutos. A asistencia é libre.

Programa de conferencias

As conferencias terán lugar os xoves ás seis e media da tarde, agás aqueles que coincidan con períodos de vacacións ou épocas fortes de avaliacións. O carácter destas sesións é moi variado, desde exposicións que se poden cualificar de estritamente académicas a outras que teñen carácter de obradoiro, audicións musicais ou exhibición de obras de arte.

O Concello cede as instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns para desenvolver este ciclo, que continuará o xoves 24 de xaneiro coa conferencia 'O corpo: ferramenta e soporte da arte', a cargo da profesora Renata Otero. Para o 31 de xaneiro, Eva Garea ten previsto expoñer a charla titulada 'Cultura e deformacións corporais'. A quenda será a continuación para Suso Fidalgo, que o 7 de febreiro ofrecerá a conferencia 'Citius, altius, fortius...Cales son os límites?'. 'Plasticidad corporal' é o título da charla que impartirá Federico Bouza o 21 de febreiro. Xa para rematar ese mes, o xoves 28 Juan C. Yürss falará de 'El descubrimiento del cuerpo'.

Anxo Sampedro inaugurará o mes de marzo, o día 7, impartindo a conferencia 'Soma...e psique'. Xa no mes de abril, o día 11, J. Alberto Berriochoa ofrecerá a charla 'O corpo. Divagacións dun escéptico'. Para o día 18 de abril está prevista a conferencia 'A representación do corpo: do ideal ao real', que impartirá Fernando Sainz. O xoves, 25 de abril, Sonia Rohrer falará sobre o tema 'Homo musicalis'.

En maio, o día 9, Margarita Olivar dirixirá 'O corpo entre libros', unha exposición comentada de libros. Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha degustación culinaria que leva por nome 'A corpo mantido'.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925