Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pleno aproba a...


O Pleno aproba a modificación da RPT e un suplemento de crédito para habilitar crédito co fin de realizar obras no cemiterio municipal

[01-07-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de xuño no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal déronlle luz verde á modificación puntual do Convenio Colectivo do persoal laboral e á Relación de Postos de Traballo (RPT). Ademais, Francisco Javier García tomou posesión do seu cargo como concelleiro e aprobáronse outros puntos de vital importancia como o suplemento de crédito 1/2016 co obxectivo de habilitar unha partida de crédito para poder executar obras no cemiterio municipal. Tamén se aprobou a elección do xuíz de paz, a ratificación de tres decretos de alcaldía, a adhesión ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras, así como a adhesión á Rede Española de Acollida de Refuxiados. Por último, aprobouse unha moción de urxencia para ampliar o prazo de presentación de proposicións na licitación do ciclo integral da agua ata o próximo día 22 de xullo de 2016 (inclusive).

O pleno ordinario do mes de xuño comezou coa toma de posesión do novo concelleiro do goberno municipal, Francisco Javier García, que se encargará das áreas de medio ambiente e desenvolvemento sostible. Asemade, un dos puntos que máis debate creou entre os concelleiros e concelleiras da corporación municipal foi a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT). O encargado de introducir este tema foi o alcalde que apuntou que a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde entón non houbo ningunha revisión nin modificación posterior a pesares das esixencias legais de adaptación de dita RPT aos contidos e circunstancias das necesidades reais do Concello en material de persoal. Tan só se incluíu nela o posto de Tesoureiro, modificación feita por previsión legal.

Dende a oposición o voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, apuntou que “esta non é unha modificación de mínimos, senón que é unha modificación substancial da RPT” e reproboulle ao goberno a creación dun posto de secretaria adxunta, de habilitación nacional, a costa de non cubrir prazas que quedaron vacantes despois de que os traballadores que as ocupaban se xubilaran. A voceira de Ames Novo, Pilar Candocia, tamén criticou que “non se faga una aposta clara polo reforzo da brigada municipal” e incidiu en que debe haber técnicos municipais que se encarguen de controlar o traballo que desenvolven as expresas externas que traballan para o Concello. Por último, o voceiro do grupo municipal popular, Alberto Piñeiro, destacou que “a creación dunha nova praza de secretaria adxunta vai supor un incremento salarial importante”. Ademais engadiu que a elaboración da RPT en 2007 xa naceu mal porque non tivo en conta as necesidades reais do Concello dende a a súa creación.

O rexedor municipal dixo que neste momento o único que se realizou foi unha modificación de mínimos para adaptar a RPT ao marco legal existente. Sobre a creación dunha nova praza de secretaria adxunta comentou que o Concello ten unha falta importante de técnicos e que é necesaria para dar servizo aos departamento de contratación, secretaria e persoal. Por último, manifestou que se chegou a un acordo coa representación sindical para, na medida do posible, reforzar no vindeiro e seguintes exercicios orzamentarios o cadro de persoal vinculado á brigada de obras e servizos básicos.

Finalmente a modificación da RPT saíu adiante cos votos a favor dos 9 concelleiros/as do goberno e do concelleiro de Ciudadanos. Os tres edís de Pacto por Ames votaron en contra, mentres que os oito membros dos grupos municipais de Ames Novo e do Partido Popular abstivéronse. Previamente, a este punto tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, a modificación puntual do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Ames, para adaptalo ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). Así créase dentro do convenio o grupo profesional B, que non existía ata o de agora, ao que se poderá adherir todo o persoal que para o seu acceso ao Concello de Ames se lle requiriu como titulación mínima Técnico superior (FP II) e que actualmente ten unha clasificación irregular. A diferencia salarial que supón a creación do grupo B comezarase a aboar na primeira nómina de 2017, así como os atrasos dende a entrega en vigor deste acordo que correspondan co exercicio 2016. Aprobación do suplemento de crédito 1/2016
O pleno aprobou por unanimidade a aprobación do suplemento de crédito 1/2016 co obxectivo de realizar unha modificación de crédito para habilitar o diñeiro necesario para facer fronte ás actuacións que se recollen no Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña. Dentro deste plan ao Concello de Ames correspóndelle o importe de 447.349,02 euros.

Esta convocatoria de axudas permite adicar unha parte da contía asignada a cada Concello para a redución do endebedamento e outra parte a investimentos en obras. Deste xeito, no pleno de febreiro aprobouse que se adiquen 101.280,16 euros á minoración da débeda. Este importe dedicarase a saldar parte dun préstamo que se subscribiu no ano 2010 cunha entidade bancaria. Ademais, adicaranse 346.068,86 euros á reparación e acondicionamento do cemiterio municipal de Ames. Así, algo máis das tres cuartas partes desta subvención provincial será invertidas no arranxo e mellora das instalacións deste camposanto. Posteriormente, no mes de marzo a Deputación aprobou de xeito definitivo estas actuacións.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Ames ao programa de vivendas baleiras. O obxecto deste convenio é regular a colaboración entre o IGVS e a FEGAMP coa finalidade de difundir e promover a incorporación dos concellos de Galicia ao programa de vivendas baleiras, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

Asemade, tamén se aprobou por unanimidade a adhesión á Rede Española de Acollida de Refuxiados. A FEMP está elaborando un protocolo municipal de acollida e integración de refuxiados, que recollerá a experiencia municipal na materia e as liñas de actuación acordes coas necesidades da integración dos refuxiados na comunidade local. As entidades locais adheridas, co apoio da FEMP, facilitarán ás condicións necesarias para unha vida digna aos refuxiados e as súas familias máis alá da primeira emerxencia de acollida, e traballarán para garantir a súa incorporación e integración no concello. Para conseguir estes obxectivos, a FEMP porase en contacto co Goberno de España e con todos os responsables políticos de institucións e organismos para obter o financiamento oportuno que garanta o mantemento e a estabilidade da Rede no tempo.

Outros asuntos aprobados foi a elección de María Angélica Blanco Fernández como xuíza de paz titular do Concello de Ames. Neste punto saíu adiante co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras, excepto do edil de Ciudadanos que votou en contra por considerar máis axeitado o perfil doutra candidata que se presentou a este posto. Tamén quedou aprobada por unanimidade a ratificación de tres decretos de Alcaldía referentes á elaboración de tres novos proxectos técnicos nos que se corrixen diferentes erros detectados nos proxecto de obras de reparación e acondicionamento do cemiterio municipal; do parque infantil do entorno da Travesía do Porto; e da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais do Milladoiro.

Moción de urxencia
O goberno municipal presentou unha moción de urxencia para ampliar o prazo de presentación de proposicións na licitación do ciclo integral da agua do Concello de Ames. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indicou que “hai un elevado número de empresas que se interesaron polo ciclo integral da auga e presentaron un gran número de preguntas. Gustaríanos contestar a todas estas dúbidas e por iso propoñemos unha ampliación do prazo”. Finalmente este asunto foi aprobado por todos os concelleiros e concelleiras da corporación, excepto os catro edís de Ames Novo que se abstiveron. Deste xeito, amplíase o prazo de presentación de proposicións na licitación do ciclo integral da agua do Concello de Ames ata o próximo día 22 de xullo de 2016, inclusive.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925