Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Concello de Ames...


O Concello de Ames presenta unha campaña para informar e concienciar á veciñanza sobre a recollida de voluminosos e a utilización do Punto Limpo

[12-09-2018] O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha campaña para informar e concienciar á veciñanza sobre a recollida de voluminosos e a utilización do Punto Limpo. Ante a proliferación de residuos ao carón dos colectores de lixo, en determinados puntos do concello, así como en camiños e montes do rural, dende o goberno local impulsan unha serie de accións encamiñadas a construír un concello máis limpo. Así, ás medidas que xa se foron adoptando nos últimos tempos, únese agora unha campaña que será difundida a través das redes sociais co ánimo de apelar á sensibilidade, responsabilidade e civismo dos veciños e veciñas de Ames.

Baixo o lema “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes”, os concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, presentaron unha campaña de concienciación sobre a necesidade de utilizar o Punto Limpo e optar pola correcta recollida de voluminosos. Na presentación tamén estivo presente Mariví Arufe, técnica de Medio Ambiente, ademais da deseñadora da campaña, Mónica Fernández.

A través de catro carteis con fotos reais, o Concello de Ames amosará en redes sociais as imaxes que se veñen repetindo en varios puntos do municipio nos últimos tempos: xoguetes ao carón dun colector, un colchón tirado nun camiño, equipos electrónicos ao carón do lixo convencional... unha práctica que, ademais de xerar un gasto para a Administración local, diminúe a capacidade de traballo da brigada medioambiental, encargada de proceder á recollida dos enseres cando non foi concibida para tal fin. Ademais, a campaña complétase cun vídeo no que se apela á necesidade de coidar o medio ambiente facendo un bo uso dos colectores e do Punto Limpo.

Sinais informativos
O Concello de Ames procedeu á colocación de dez paneis informativos en diferentes localizacións do municipio onde proliferaban os residuos ao carón dos colectores de lixo. Nos paneis infórmase da prohibición de tal práctica, ademais das sancións económicas que pode carrexar. Asemade, pódense ver tamén os números de teléfono do Punto Limpo (981536688) e da empresa FCC (981191240), encargada de proceder á recollida dos voluminosos. A intención do goberno local é a de proceder á colocación de máis paneis informativos noutras localizacións do concello.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, apelou na presentación á “sensibilidade, responsabilidade e concienciación da veciñanza ante un problema que ademais de xerar un gasto ao Concello ten repercusións negativas no medio ambiente. Queremos informar e concienciar sobre a necesidade de utilizar o Punto Limpo e de chamar para a recollida dos voluminosos, porque non todo cabe nos colectores de lixo convencionais”.

Na mesma liña falou o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, quen destacou que “aparte do dano medioambiental estanse a consumir unha serie de recursos que son moi necesarios para o concello, xa que a brigada de Medio Ambiente ocupa moito do seu tempo na recollida dos voluminosos e non foi concibida para tal fin. Case pasamos a formar parte do problema, porque a xente mal acostumouse a que se proceda á retirada dos residuos nos puntos onde os está a botar. Apelamos ao civismo da cidadanía para construír un concello máis limpo”.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925