Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias As comisións...


As comisións informativas previas ao pleno extraordinario deste mércores 15 de novembro abordaron varios temas de índole económica

[14-11-2017] Este martes, 14 de novembro, celebrouse unha comisión informativa extraordinaria e urxente previa ao pleno extraordinario de mañá. En dita comisión abordáronse tres temas de índole económica. Abordouse o suplemento de crédito 1/2017 de 40.559,96 euros, para a obra de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns; a modificación do anexo de investimentos 2/2017 para recoller 13 actuacións que se executarán con cargo á partida orzamentaria de Orzamentos Participativos; e unha transferencia de crédito por valor de 251.407,21 euros para realizar varias obras municipais.

O primeiro punto tratado foi o suplemento de crédito 1/2017. Neste caso proponse a aprobación inicial do expediente de modificación do orzamento Suplemento de crédito 1/2017, financiado con recursos procedentes de operacións de crédito para os gastos de investimento (PAI 2016 Complementario). Mediante resolución da presidencia da Deputación da Coruña aprobouse destinar o importe da rebaixa producida na contratación das obras do cemiterio municipal a obra de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns (40.559,96 euros), que xa fora aprobada polo Concello na solicitude do PAI 2016.

Outro dos puntos tratados foi a modificación do anexo de investimentos 2/2017. En dito anexo incluíase o proxecto denominado Orzamentos Participativos 2017 - Investimentos no Rural. No momento da aprobación dos orzamentos as actuacións non estaban concretadas, polo que é necesario modificar dito anexo para incluír os proxectos que foron aprobadas pola Comisión de Orzamentos Participativos. Deste xeito, haberá que aprobar, se procede, a modificación do devandito anexo para incluír 13 actuacións que se executarán en Augapesada, Biduído, A Tarroeira, Tarrío, Trasmonte, Guimaráns, Covas, Lens, Piñeiro, Tapia, Suevos, Sorribas, Salgueiro, Ameixenda, entre outros lugares, e que suman un importe de 104.480,33. Cómpre lembrar que no pleno ordinario do mes de outubro xa se fixo a primeira modificación do devandito anexo de investimentos.

Transferencia de crédito por valor de 251.407,21 euros
Por último, falouse dunha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto que ascende a unha contía de 251.407,21 euros. No estado de execución do orzamento comprobouse a existencia de saldos de crédito en distintas aplicacións orzamentarias, mentres que noutras sucede exactamente o contrario, existen gastos xa efectuados que precisan ser aprobados, pero que non contan co respaldo necesario do orzamento. Asemade, as actuacións definidas nos Orzamentos Participativos fai necesario transferir crédito, xa que as actuacións definidas afectan a outras áreas de gasto. Deste xeito, faise preciso efectuar unha transferencia de crédito para acomodar o crédito á situación descrita.

Farase unha transferencia de 8.887,73 euros da partida de fomento do emprego e outra de 66.783,75 euros da partida de asistencia social. Así, estes 75.671,48 euros pasarán á partida de pavimentación de vías publicas, para dotar de financiamento ás obras de accesibilidade na rúa Alcalde Lorenzo; mellora do aglomerado da rúa Raxoeira; a reparación, mantemento e conservación de infraestruturas municipais; obras de accesibilidade na rúa Pesqueiras, entre outras obras.

Ademais, unha partida de 53.750 euros da área de fomento do emprego destinarase á reposición de luminarias de alumeado público; para a acometida da rede de baixa tensión do cemiterio municipal; e para a recollida de residuos (traballos realizados polo Mancomunidade).

Outra partida de 24.156,22 euros das áreas de fomento do emprego e asistencia social destinaranse a obras de mellora da accesibilidade para mellorar os accesos ao parque infantil da Travesía do Porto; restauración e adaptación do parque infantil de Guimaráns; e reparación, mantemento e conservación de infraestruturas e bens naturais. Tamén se fará unha transferencia de 97.829,51 euros para executar 12 actuacións aprobadas pola Comisión de Orzamentos Participativos.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925