Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos O programa SaudeAndo...


O programa SaudeAndo organiza este xoves, 16 de maio, unha nova andaina saudable no Milladoiro

[15-05-2019] Este xoves, 16 de maio, celebrarase unha nova andaina saudable con saída e chegada ao centro de saúde do Milladoiro a partir das 17.30 horas. Esta actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, que terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Organizadas pola Concellaría de Sanidade de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro, ditas andainas terán lugar en ambas localidades en semanas alternas.

Co obxectivo de promocionar a actividade física e facilitar a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, o Concello de Ames organiza un ano máis o programa de andainas saudables. Nesta ocasión o programa leva como título SaudeAndo, e conta coa colaboración dos centros de saúde do Milladoiro e Bertamiráns.

Ao abeiro deste programa, este xoves ten lugar unha nova andaina, que nesta ocasión se realiza na localidade do Milladoiro. Ao igual que as trinta andainas programadas ao abeiro desta iniciativa, será unha ruta urbana de dificultade media - baixa de trazado circular e unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Asemade, partirá ás 17:30 horas dende o centro médico do Milladoiro, punto no que rematará a andaina ao final do percorrido.

Ao igual que en andainas anteriores, a actividade estará supervisada por Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica, polo que a andaina tamén servirá para seguir afianzando o aprendido nos obradoiros ou comezar a aplicar algúns trucos desta modalidade neste tipo de actividades. Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente, posto que está aberta a toda a veciñanza.

Calendario de andainas durante o 2019
Entre os meses de marzo e decembro deste 2019 realizaranse un total de 30 andainas, das que 16 terán lugar en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. As próximas andainas que se realizarán en Bertamiráns son os días 23 de maio, 6 e 20 de xuño, 5 e 19 de setembro, 3, 17 e 31 de outubro, 14 e 28 de novembro, e 12 de decembro. As andainas que quedan por facer no Milladoiro realizaranse os días 13 e 27 de xuño, 12 e 26 de setembro, 10 e 24 de outubro, 7 e 21 de novembro, e 5 e 19 de decembro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925