Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Aberto o prazo de...


Aberto o prazo de inscrición para a Festa de Entroido de Ames, que se celebrará o 4 de marzo en Bertamiráns

[06-02-2019] O luns, 4 de marzo, o Concello de Ames celebra a oitava edición da Festa de Entroido. Este ano esta celebración realizarase, a partir das 17:00 horas, no aparcamento da Telleira, que está situado en Bertamiráns. O prazo de inscrición para o concurso de disfraces poderanse realizar ata as 11:00 horas do propio día da Festa de Entroido. No concurso de disfraces repartiranse 3.800 euros, que estarán repartidos nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Ademais, haberá dous premios especiais dotados con 125 euros aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. O grupo de música, Brassica Rapa, creado a finais de 2017, e mailo grupo fundado en Ribeira en 2002, A Compañía do Ruído, porán música a esta festa.

O Concello de Ames está organizando para o luns, 4 de marzo, unha nova edición da Festa de Entroido, que este ano se desenvolverá na localidade de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, ao carón da piscina municipal cuberta. As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns 4 de marzo, día do concurso, ás 11:00 horas.

Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar apoiados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.

Categorías e premios do concurso de disfraces
Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adultos, grupos e comparsas, que se suman a outros 250 euros destinados aos mellores disfraces elaborados con material de refugallo. Haberá tres premios por cada categoría. Deste xeito, na categoría infantil haberá 100 euros para o primeiro, 75 euros para o segundo, e 50 para o terceiro. Na categoría de adultos o primeiro premio estará dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros, e o terceiro de 75 euros. Na categoría de grupos os premios serán de 500, 300 e 150 euros, mentres que na categoría de comparsas entregaranse 1.100, 600 e 500 euros.

O xurado, que estará composto por tres membros designados polo departamento de Educación e Cultura, valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. Esta valoración realizarase durante o desfile. A súa decisión será inapelable. Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira, debidamente ataviados entre as 17:00 e as 18:00 horas. O desfile comezará arredor das 18:00 horas e seguirá o percorrido e o ritmo que marque a charanga. O grupo de música, Brassica Rapa, creado a finais de 2017, e mailo grupo fundado en Ribeira en 2002, A Compañía do Ruído, porán música a esta festa.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925