Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Abre o prazo para...


Abre o prazo para votar polo mellor deportista de Ames no ano 2017, que será galardoado co premio do público na XII Gala do Deporte

[13-12-2017] O goberno municipal acaba de publicar na páxina web municipal un banner cunha enquisa na que se pode votar polo mellor deportista de Ames de 2017. Este é o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa para elixir un dos premios que se entregará na XII Gala do Deporte, que está previsto que se celebre a comezos do vindeiro mes de febreiro. As votacións poderanse realizar ata o vindeiro 17 de xaneiro na páxina web municipal. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas dúas edicións anteriores, no momento da celebración do evento.

A Concellaría de Deportes xa está traballando na organización da décimo segunda edición da Gala do deporte que está previsto que se celebre a comezos do vindeiro mes de febreiro de 2018. Despois do bo resultado do ano pasado, volveuse a publicar na web municipal unha enquisa, para que a veciñanza amesá poida elixir ao mellor deportista de Ames do ano 2017. Para iso hai que acceder á páxina web do Concello (o banner que está debaixo da sección de vídeos) e votar.

Así, cinco deportistas optan a este premio. Poderase votar polo xogador de squash, Borja Golán Santín, que é profesional do squash desde 2002. Neste ano 2017 logrou o terceiro posto no campionato de Europa, celebrado na cidade inglesa de Nottingham, ademais de proclamarse campión de España por décimo quinta vez. A segunda opción é votar polo xogador de fútbol, Fernando Seoane Antelo, que actualmente xoga como centrocampista no Club Deportivo Lugo da Segunda División de España, sendo unha peza fundamental no equipo con 41 partidos xogados na tempada pasada e un dos capitáns do equipo.

Tamén se pode votar pola patinadora Nadia Iglesias de Salvador, campioa de Europa e medalla de bronce no campionato do mundo júnior de patinaxe artística. A cuarta opción é votar polo boxeador, José Ramón Mirás, tres veces campión de España de peso galo entre 2016 e 2017. Ademais, nesta enquisa pódese votar pola futbolista, Nuria Rábano Blanco, campioa de Europa coa selección Española de Fútbol Feminino sub-19 e actual xogadora do Real Club Deportivo da Coruña.

As votacións poderanse realizar ata o 17 de xaneiro de 2018, na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo segunda Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas dúas edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como as deportistas máis destacados durante o 2017 en Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925