Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Aberto o prazo de...


Aberto o prazo de inscrición para participar no XII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

[05-12-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 15 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 11 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.

O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro de 2017. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificado recibirá, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. Uns importes aos que se lles aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega de premios. Alén diso, o concurso tamén contará co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200€. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2018. Os establecementos seleccionados polo xurado e polo público gozarán, ademais, da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, en función das necesidades da programación da radio municipal. 

Os boletos coas votacións do público, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, entre o 15 de decembro e o 5 de xaneiro. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo. Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa. As clientas e clientes que voten no concurso participarán dun sorte de tres talóns valorados en 300 euros cada un.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925