Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Unha unidade...


Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue o martes, 11 de xullo, e o mércores, 12, no Milladoiro, e o xoves, 13 de xullo, e o venres, 14, en Bertamiráns

[30-06-2017] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá o martes, 11 de xullo, e o mércores, 12, ata O Milladoiro; e o xoves, 13 de xullo, e o venres, 14, ata Bertamiráns. O vehículo estacionará na avenida da Maía (diante da praza da Maía), en horario de 15:30h a 21:30 horas, en Bertamiráns; e na Rúa da Cruxa (ao carón do supermercado El Árbol), no mesmo horario, no Milladoiro. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

Recórdase así mesmo ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Poden doar as persoas maiores de 18 anos e menores de 65 anos -idade a partir da cal é preciso un permiso médico- e nun estado normal de saúde.

As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925