Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Cultura Servizo de...


Servizo de Normalización Lingüística

O Concello de Ames quere demostrar o seu compromiso co idioma propio e oficial prestándolle atención especial ao proceso de normalización lingüística a través da galeguización dos seus servizos e poñendo en marcha programas dirixidos á poboación para conseguir a implicación de todos os colectivos neste proceso.

A Administración municipal pon a disposición de todos os veciños o Servizo de Normalización Lingüística, que ten como obxectivos principais incrementar o uso social da lingua, contribuír á completa galeguización da administración local e mellorar a calidade das producións lingüísticas.

Descrición, funcións e localización do SNL

O SNL é un servizo do Concello de Ames que nace coa idea de ser un elemento dinamizador do uso do galego tanto dentro como fóra do Concello. Os seus obxectivos principais son incrementar o uso social da lingua, contribuír á completa galeguización da administración local e mellorar a calidade das producións lingüísticas.

O SNL está no Pazo da Peregrina e pódese dirixir a el persoalmente, por teléfono ou por correo electrónico.

Servizo de Normalización Lingüística
Pazo da Peregrina
Avenida de Azcárraga, nº 5
15220 Ames

Teléfonos: 662 377 215
normalizacion@concellodeames.gal

ASESORAMENTO
  • Asesoramento lingüístico para todos os veciños
  • Corrección de textos
  • Tradución de textos breves
  • Asesoramento sobre dereitos lingüísticos
  • Normalización da imaxe, tanto interna como externa, do Concello

FORMACIÓN
  • Xestionar a realización de cursos de lingua galega para a poboación xeral
  • Detectar as necesidades formativas do cadro de persoal do Concello para deseñar un programa de formación lingüística
  • Difundir materiais que faciliten o traballo diario e contribúan ao aumento da competencia lingüística

DINAMIZACIÓN

  • Promover actuacións encamiñadas a dinamizar o uso do galego nas actividades cotiás da cidadanía en todos os ámbitos
  • Información sobre liñas de axuda dirixidas á rede asociativa, educativa e empresarial para normalizar o uso do galego
  • Recoller e apoiar todas as iniciativas que xurdan no Concello e que teñan como obxectivo fomentar o uso do galego

Certame Literario Concello de Ames

O SNL organiza todos os anos un certame literario dirixido a todos os e as amantes da literatura. Trátase dun concurso de narrativa e poesía que xa está máis que consolidado na comunidade galega e que incluso conta con participantes do resto de España e do estranxeiro. Este certame é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación.

O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa patrocinadora do certame, publica todos os anos un libro que recolle todos os traballos premiados. Cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os libros que recollen os traballos gañadores das últimas edicións do Certame Literario.

Programa Apego

O proxecto Apego, que promove e arroupa a transmisión da lingua entre a rapazada, está dirixido ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos. A través desta iniciativa preténdese axudar á socialización en galego e proponse o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos nosos fillos e fillas. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. Premendo na ligazón que está ao inicio desta páxina, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo sobre a programación infantil con Apego.

Apego é un programa colectivo creado para impulsar e mellorar o uso do galego como lingua inicial, como lingua na que aprendemos a falar e a expresar as nosas emocións, como lingua na que nos asomamos ao mundo desde o lugar onde nacemos. Apego é amor, afecto, empatía e vínculo. Por iso esa palabra define tan ben esta iniciativa que pretende incentivar e facilitar o uso da lingua dende o nacemento e que se centra nos sentimentos e nas emocións para tecer o futuro con responsabilidade e con orgullo desde as raíces e na lingua propia de Galicia. Para todo iso é fundamental contar co compromiso das familias, dos educadores/as e, en xeral, de todos os ámbitos sociais que rodean as crianzas.

Para contribuír a lograr todo iso dende o programa Apego ofrécese apoio a través de tres piares: información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Para participar tan só hai que cumprir dous requisitos: estar empadroado en Ames e estar agardando un bebé ou ter un neno/a de 0 a 6 anos.

As inscricións pódense realizar dende a páxina web www.apego.gal, chamando ao número de teléfono 662 377 215 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. As familias que se sumen ao proxecto, cun neno/a nacido en 2016, terán un agasallo de benvida con materiais e recursos moi útiles especialmente creados para o tempo de agarda e preparación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925